Friday 17 de May de 2024

A Xunta promove a Semana Santa de Galicia cunha campaña de ámbito nacional


Unha audiencia potencial de 30 millóns de españois puido recibir as mensaxes desta acción publicitaria desenvolvida por Turismo de Galicia

Dentro da campaña publicitaria xeral para a promoción dos recursos naturais e culturais do turismo de Galicia ao longo do ano 2016, a Xunta ven de desenvolver a correspondente á Semana Santa, unha acción de difusión que achegou os valores turísticos galegos a unha audiencia de 30 millóns de cidadáns españois.

Deste xeito, nos días previos á celebración deste período vacacional, xusto cando boa parte dos viaxeiros decidían o seu destino, o departamento de Turismo da Xunta programou esta acción publicitaria nos medios de comunicación nacionais, con reforzo nas comunidades limítrofes e o propio territorio galego.

En canto ás mensaxes, para promover o destino Galicia en Semana Santa, Turismo de Galicia centrou as mensaxes publicitarias na gastronomía –segunda motivación dos viaxeiros para achegarse ata Galicia- e as festas de interese turístico máis destacadas desta época.

Ademais, parte das creatividades da campaña incluíron mencións ao patrimonio cultural e natural da Comunidade galega, con referencias a actividades que se poden desenvolver en contacto coa natureza no territorio galego.

Medios e cobertura
Esta acción publicitaria desenvolveuse nos principais medios escritos, radiofónicos e da Internet no ámbito nacional e autonómica no caso de Galicia, Asturias e Castela e León.

En canto á creatividade, nos medios de comunicación escritos, empregáronse dous orixinais relacionados coa gastronomía e as celebracións de interese turístico internacional específicas da Semana Santa galega, mentres que nos medios radiofónicos, as cuñas, ademais de incluír estes dous aspectos, fomentaron as actividades de contacto coa natureza e a cultura.

Polo que respecta á Internet, a campaña incluíu o formato dixital dos xornais con cobertura nacional, todos os galegos e os de meirande audiencia en Asturias e Castela e León. Neste caso, as creatividades enlazaron coa páxina web de Turismo de Galicia, onde os internautas puideron acceder tanto á oferta turística específica de Semana Santa como á global.

Está previsto que esta campaña teña continuidade máis adiante para promover Galicia como destino turístico nas pontes de primavera e poida contar cunha oleada cara a difundir os valores turísticos de Galicia no verán. Ademais, como medio para promover a desestacionalización turística na Comunidade galega, tamén se prevé unha para o outono.

Produtos de tempada
Ademais desta acción, Turismo de Galicia tamén puxo en marcha unha campaña de publicidade específica entre os meses de febreiro e marzo para promover entre os galegos o produto turístico a Ruta da camelia, coincidindo coa época de floración.

Así, durante a segunda quincena de febreiro e ata o 18 de marzo, o departamento de Turismo da Xunta desenvolveu unha acción de difusión nos medios de comunicación de Galicia ao obxecto de incentivar as visitas a estes xardíns e ás súas contornas, que inclúen pazos e outros edificios históricos.